Blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística

CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra)

24 novembro 2008

O noso Magosto

O pasado venres, 14 de novembro celebramos o tradicional Magosto no centro, no que participamos todos. Coma sempre houbo unha boa castañada e tamén xogos populares para amenizar a celebración.

Os alumnos de 6º foron os encargados de facer o papel de monitores e coa axuda dos profesores, controlar que os xogos se desenvolvesen sen problemas.

O Magosto é unha das celebracións máis desexadas e esperadas polos nenos e resulta cada ano un evento que anima e potencia a convivencia no centro, ademais de divertirnos e axudarnos a dar a coñecer as festas populares galegas.

Achegamos unhas cantas imaxes para o recordo de tod@s.

14 novembro 2008

Xuntanza con Xulio Abonjo

Xulio Abonjo

O día, 11 de novembro, día de San Martiño, bota os teus trompos aos camiños; festa aquí en Salcedo, que celebramos cunha visita moi interesante: O actor Xulio Abonjo irmán de Juan e Carlos Abonjo, alumnos deste centro.

Con el mantivemos un interesante encontro. O motivo da visita é que o alumnado de 5º e 6º foi ao Pazo da Cultura a ver a obra de teatro "Hendaya, mon amour", escrita e dirixida por Xulio Abonjo. Esta obra foi moi galardonada: Premio María Casares 2008, o premio á Mellor Maquillaxe; premio FETEGA no Festival Teatro do Carballiño á mellor montaxe e ao mellor actor...

Hendaya,mon amour é unha comedia romántica en clave de humor surrealista entre Franco e Hitler. O presenciar esta obra serviunos para que o alumnado de 5º e 6º estudara o perfil histórico destes dous ditadores que tanto influíron na nosa historia máis inmediata.

Xulio Abonjo é un actor pontevedrés aínda novo que xa ten unha dilatada carreira en diferentes medios. En teatro conta coa experiencia de traballar en varias compañias entre as que se contan Bacana e o Centro Dramático Galego. Tamén participou en moitas das series que se emitiron pola TVG; e no cine, en películas coma: O lapis do carpinteiro, entre outras.

Actualmente forma parte do elenco de "Cuestión de sexo", serie emitida por Cuatro. Ademais conta co premio ao mellor actor no festival de Cans pola curtametraxe "Sen chumbo".

Foi un verdadeiro pracer contar coa presenza e amabilidade de Xulio, que respondeu a todo un interrogatorio de preguntas, moitas sobre Hendaya, mon amour. Unha das preguntas foi se era unha obra para ver tamén os nenos e nenas, el contestounos que si, que moitos pais ían cos seus fillos e que lles gustaba.

En Pontevedra houbo algunhas protestas, pero iso é xente que coñece pouco o teatro e os gustos dos nenos da nosa idade. Nós dixémoslle que nos gustara moito e que xa era hora de que non visemos só obras de monicreques e que a entendiamos perfectamente e nos divertiu moito. Rematamos, regalándolle un libro que fixeron os de 6º sobre Xulio Abonjo e un conto viaxeiro feito no colexio: Os rabichos na fraga de Oñitram. E el asinounos un autógrafo a cada un.

03 novembro 2008

Videos do Samaín

Nota: se ves que o vídeo se para de seguido, segue estas instrucións: primeiro fai clic nel; a continuación párao no botón "pausa" e verás que na parte de abaixo aparece unha barra vermella que indica que o arquivo está cargando; por último, espera a que a barra chegue ata a metade e xa poderás ver o video enteiro dun tirón e sen paradas.

A Santa Compaña (alumn@s de 6º).



Lectura de Bola de Manteiga.

01 novembro 2008

Celebramos o Samaín

(Clic na imaxe para ver as fotos)

A celebración do Samaín encádrase dentro das actividades programadas polo ENDL para dar a coñecer as festas populares galegas. Os celtas crían que nesa noite a ventá que separaba o mundo dos vivos e o dos mortos desaparecía e que a véspera de Samain – que así clamaban a esa data- as almas dos mortos regresaban a visitar os seus fogares na terra. Para recordalo, hoxe en día colócanse cabazas ocas nas portas das casas, organízanse mascaradas, saen bruxas e vampiros ás rúas...

Ao longo da semana realizáronse no centro distintas actividades: documentais (busca de información), literarias (redacción de contos de medo) e plásticas (decoración de cabazas, debuxos, murais…) relacionadas con esta celebración.

Como colofón, o xoves, 30 de outubro, a biblioteca do centro converteuse nunha sala de exposicións, con preto dun centenar de cabazas decoradas polos rapaces e rapazas. Tod@s @s alumn@s do colexio foron visitando por grupos a exposición, mentres soaba unha terrorífica música de ambiente. Ademais, durante a visita fixéronse dúas lecturas: @s alumn@s de 6º de primaria leron aos seus compañeiros e compañeiras un traballo sobre a Santa Compaña e un grupo de mestr@s leron un conto de medo titulado “Bola de Manteiga”.

Análise sociolingüística do centro

(Se queres ver as gráficas; clic na imaxe)

Durante o mes de setembro do presente curso escolar 2008-09 o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística (E.N.D.L.) elaborou unha análise sociolingüística do centro, mediante a realización de enquisas a todos os colectivos integrantes da comunidade educativa. A través deste estudo pretendíase saber cal é a situación lingüística do centro, do alumnado, do profesorado e do contorno.

Os resultados destas enquisas, expresados en gráficas como a que encabeza esta entrada, quedaron reflectidos no "Proxecto Lingüístico de Centro" e serviron de base para fixar os obxectivos do “Proxecto de Fomento de Uso do Galego” para o curso escolar 2008/09. Agora, a través da canle que nos ofrece este blog, poñemos á vosa disposición estes dous documentos que consideramos de gran interese para toda a comunidade educativa.