Blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística

CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra)

lunes, 21 de diciembre de 2009

BO NADAL AOS NOS@S AMIG@S DE ARMENTEIRA

Os nenos e nenas de 1º, 3º e 5º do Colexio de San Martiño, deséxanvos a todos os do cole de Armenteira unhas Felices Festas de Nadal e un boísimo 2010, no que esperamos estar con vós.


¡Bo Nadal e bicos dende San Martiño!

FELIZ NADAL

O ENDL do CEIP San Martiño súmase á coordinadora dos ENDL de Galicia para felicitar o Nadal a tod@s con esta tarxeta:





"Todos/as sabemos que os soños non se alcanzan sen esforzo, por iso no ano 2010 que comeza contamos contigo para seguirmos traballando a prol da lingua. "


Preme na imaxe para ver a tarxeta en movemento coa mensaxe completa.

viernes, 11 de diciembre de 2009

EXPOSICIÓN LITERATURA POPULAR DO MAGOSTO

A semana pasada e co motivo da chegada do Nadal, retiramos unha exposición sobre a literatura popular do Magosto, que os nosos alumnos e alumnas recolleron este ano, facendo unha pequena investigación no entorno das súas familias.
Dada a importancia deste material recollido e querendo agradecer a grandes e pequenos que participaron nesta actividade, decidimos deixar en Oñitram un pequeno recordo do mesmo.



martes, 1 de diciembre de 2009

EDUCAMERCADO

EDUCAMERCADO é unha actividade organizada pola FANPA (Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos, no que quixemos participar este curso dado o seu valor formativo, enfocado hacia a educación para o consumo e os hábitos saudables.
Os nosos alumnos visitaron o Mercado de Abastos de Pontevedra e ademais de coñecer as instalacións e os diferentes productos que se venden alí, tiveron a oportunidade de realizar unha compra responsable despois de elaborar unha lista na clase maxistral que recibiron no mercado sobre consumo saudable.




viernes, 13 de noviembre de 2009

MAGOSTO

O día non quería, pero alá fomos nós co magosto adiante!!

Ao final a chuvia colleulle medo a desilusionar a tanto rapaz e rapaza e pasámolo de marabilla!!

Este ano organizáronse xogos en distintas zonas do patio polas que foron pasando todos os cursos. Os encargados de organizalos foron os nenos e nenas de 6º de Primaria. Tivemos carreiras de sacos, o Xogo da ra, o Arrincacebolas, a Petanca, o Encestacastañas, os Zancos, carreiras levando castañas nunha culler...

A grande novidade foi o xogo do trompo, porque xa sabedes, "Polo San Martiño, trompos ao camiño": a partir de 3º de Primaria aprenderon a bailar o trompo moitos nenos e nenas e tamén houbo profesores que se apuntaron a intentalo...

Damos as grazas aos avós, pais e nais que se achegaron ao patio para colaborar no xogo do trompo e tamén por compartir cos nenos e nenas uns momentos de diversión.

Aquí quedan estas fotos para que recordedes esta grande castañada.

viernes, 30 de octubre de 2009

O SAMAÍN

Este curso non podía ser doutra maneira: a pesar das obras,. de ter a Biblioteca pechada e doutros atrancos... celebramos por todo o alto a festa do Samaín.
Fixemos unha exposición de cabazas: cabazas tradicionais, cabazas modernas, cabazas faladoras, rokeras, noivas, piratas... e todo o que deu de si a imaxinación.
Tampouco faltou o conto, escenificado polos "profeactores", que non sabemos a razón, pero deron máis risa ca medo... e non porque o fixesen mal, senón porque o conto deste ano: "A figueira de Pelostortos" da Editorial OQO causounos moita risa a todos.
Tamén contamos coa actuación dos alumnos de 3º de Primaria, que nos leron unha poesía de medo, titulada "Noite de defuntos" feita por eles mesmos. Parabéns dende aquí á súa capacidade creativa. Aquí o podedes ler:

Noite de defuntos

Era unha noite escura,
fría, baleira, terrorífica...
zoaba o vento,
escoitábanse os tronos.
A bruxa piruxa
remexía a súa pota
e dicía o seu conxuro:
"Ás de morcego,
tea de araña
bigote de rato,
sangue de sapo."
Ao seu lado o zombi Marcelo
de pel verde,
ollos amarelos,
boca desdentada,
roupa esnaquizada,
pelexa co gato Ernesto.
Ábrese a porta,
chega o esquelete,
a pantasma e a momia.
Traen para a cea
ósos de can,
tripas de lagarto,
ollos de peixe,
pastel de vermes.
Séntanse á mesa,
comen sen cubertos.
Que lles aproveite!!!



miércoles, 14 de octubre de 2009

PROXECTO DE INNOVACIÓN EN NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocan, cada ano, uns premios que pretenden fomentar o desenvolvemento de proxectos educativos innovadores que impliquen o uso da lingua galega.

Este ano, o CEIP San Martiño, vai participar na convocatoria destes premios co proxecto “Facendo CLIC en galego”.
Os contidos a traballar xiran arredor do tema das CIDADES. Este proxecto estenderase dende outubro ata finais de febreiro. Neste tempo trataremos de que as actividades deseñadas contribúan á utilización do galego dentro e fóra das aulas e, ao mesmo tempo, que axuden á adquisición da competencia dixital do noso alumnado.
Para alcanzar estes fins estamos a elaborar uns materiais multimedia en galego, de uso na aula, como un recurso máis entre os materiais curriculares a empregar no noso labor docente.
SEGUIREMOS INFORMANDO...




miércoles, 7 de octubre de 2009

NOVAS TECNOLOXÍAS EN GALEGO!

Agora que vivimos momentos duros para a normalización da lingua, nos que a permanencia do galego nas vindeiras xeracións aínda está por ver, acabamos de enterarnos dunha noticia que nos parece moi significativa e alentadora para o futuro lingüístico no noso país: a próxima publicación por Xerais do primeiro libro electrónico en galego!

Pasámosvos o enlace, por se o queredes ollar:

martes, 29 de septiembre de 2009

O BEN FALADO

Nesta carta escrita por unha emigrante retornada, vese en esencia a importancia do que é para cada persoa a súa lingua, do que é para os galegos, a lingua galega, xa que, como ela ben di, "NA LINGUA ESTÁ A MANEIRA DE SER E DE SENTIR DE CADA UN DE NÓS".


Desta maneira, queremos comezar este curso a nosa andaina pola normalización do galego, pola normalización da nosa lingua.
Que o pasedes ben vendo este vídeo e que nos sirva a todos para a reflexión...



Benvidos tod@s a un novo curso!!!!


martes, 16 de junio de 2009

INTERCAMBIO COA ARMENTEIRA

O día 29 de maio fomos visitar aos nosos amigos do colexio da Armenteira. Ese día estabamos bastante nerviosos porque iamos de invitados a un colexio que non era o noso. O camiño non é moi longo, mais xa estabamos impacientes por chegar. En canto avistamos o val onde está o colexio pareceunos unha paisaxe marabillosa.
Nada máis chegar, recibíronnos calorosamente con abrazos, bicos e saúdos, aínda que ao principio nos gastaron unha broma escondéndose todos no ximnasio. O primeiro foi amosarnos o seu colexio que o teñen moi ben decorado, cuns preciosos murais de cores moi vistosas. Mentres iamos charlando animadamente polo camiño, fomos andando ata o Mosteiro da Armenteira. Ao chegar recibiunos unha monxa que nos mandou pasar á capela dos rezos, alí nos explicou a lenda de San Ero e máis cousas do mosteiro. Despois vimos o claustro e a igrexa co grande rosetón e para rematar a visita ao mosteiro, quitamos unha foto todos xuntos na grande arcada románica da porta.
Volvemos outra vez para ao colexio para ver unha presentación dos traballos que fixeran durante o curso. Agora xa, nos tiñan preparada unha rica merendola, que tomamos con moi bo apetito. E por último xogamos moito: ao fútbol, cos aros, ao futbolín... Falamos e rimos moito.
Gustounos esta actividade de intercambio na que aprendemos moitas cousas: escribímonos cartas, coñecemos monumentos e lugares ... pero o máis importante foi compartir e facer amigos dun lugar diferente, do precioso Val da Armenteira.
Moitas grazas aos Equipos de Normalización Lingüística dos colexios da Armenteira e San Martiño por organizar esta interesante actividade.

¡¡¡VIVA A LINGUA GALEGA !!!

Agora vede as bonitas fotos da visita.

domingo, 14 de junio de 2009

AS LINGUAS SUMAN

O ENDL de San Martiño quere informar a todas as familias do centro de aspectos importantes sobre o feito de que se eduque na escola en galego e en castelán, buscando sempre a competencia lingüística en ambas linguas ao remate da Primaria.


Ante a importancia que pode ter para o futuro da educación que reciban os nosos alumnos e alumnas, segundo as respostas que marquemos nas enquisas que hai uns días remitiu a Consellería ás familias a través do centro, aquí deixamos a seguinte información:



as

martes, 19 de mayo de 2009

LETRAS GALEGAS, 09

Ramón Piñeiro dicía: "Deica entón -deica os seis anos- a miña lingua única fora a galega, así que o choque máis importante que me produciu a escola foi o cambio de lingua."

Este ano no CEIP San Martiño, rematamos a celebración da Semana das Letras Galegas cun espectáculo que deixou emocionados a alumnos e profesores: actuou para nós nada menos que MIRO MAGARIÑOS, actor galego de teatro e televisión que veu a presentarnos unha das súas obras tituladas "O vendedor de paxaros", que leva na súa posta en escea un teatro de sombras, que gustou moito ao público.

viernes, 15 de mayo de 2009

EXCURSIÓN FIN DE CURSO ÁS ILLAS CÍES

O pasado 6 de maio,mércores, fixemos a nosa excursión de fin curso ás illas Cíes. Fomos en autobús ata o porto de Vigo, onde collemos o barco que nos levou a Cíes. Ir na cuberta do barco foi unha gozada difrutando das fantásticas vistas, mentras a brisa fresca nos rozaba as meixelas, tamén era imprisionante ver pasar outros barcos tan preto. Tivemos a sorte de ver a dous enormes cruceiros, que ese día visitaban Vigo.
En Cies era todo precioso: as praias, o faro, o seu pequeno lago e a súa vexetación.
Segundo chegamos, xa nos botamos protector solar, merendamos e logo seguimos a unha monitora que se chamaba Ana . Nos dixo que as illas Cíes son un espacio protexido e non se pode deixar ningún lixo, por iso, nos deron unha bolsa a cada un.
Guiados por Ana empezamos a subir cara ao faro, pasando primeiro pola Pena Campá e logo polo Mirador de Aves. Despois dunha ogotadora camiñata chegamos arriba, a algúns costoulles máis cá outros, pero subimos todos. As vistas dende alí eran bonitísimas, fixemos moitas fotos. A baixada foi fácil e rápida.
Comemos de picnic, xogamos e rimos moito.
A media tarde, lentamente voltamos ao barco; paseando e mollando os pés pola praia máis bonita do mundo e disfrutando dun bonito día soleado que sería moi difícil esquecer.
(Alumnado de 5º de Primaria)

viernes, 8 de mayo de 2009

CORRELINGUA – 09

Este ano en Pontevedra tocounos empezar o Correlingua. Foi coma sempre, unha carreira polo Centro Histórico da cidade, na que participan todos os colexios da zona. Pero sobre todo tratase de ensinar aos nenos e nenas o importante que é o uso do idioma galego na nosa comunidade para que non se perda.
Durante o paseo pasámolo xenial, gastándonos bromas e cantando cancións. O noso colexio era o máis animado, todo o camiño iamos berrando !!! San Martiño!!! facendo ritmos !!!En Galego!!! Cando volvemos á praza da Ferrería déronnos auga , mazás e cacahuetes .Mentres merendabamos presenciamos a actuación do grupo ” Migallas “ que nos gustou moito Ao remate fixéronnos varios regalos: un lote de libros e un globo para cada colexio. O globo soltámolo todos ao mesmo tempo, uns 2500 nenos e nenas que estabamos alí . Cada globo era a ilusión de todos nós para que o galego siga voando por toda Galicia para sempre.

viernes, 3 de abril de 2009

A VISITA DO CEIP ARMENTEIRA FOI XENIAL

Despedimos o mes de marzo co encontro cos nosos amigos da Armenteira , a visita realizouse de acordo co programa que tiñamos previsto. Aí van un feixe de fotos e opinións:

Encontrámonos na praza da Ferrería, alí foi onde nos coñecemos, nada máis presentarnos, xa empezamos a falar, ó principio tiñamos algo de vergoña pero, despois xa collemos confianza e xa falabamos como amigos de toda a vida.

Recorremos o Centro Histórico da cidade. Fixemos o Roteiro Castelao e mentres camiñabamos nos fomos coñecendo, coma sempre, as nenas foron coas nenas e os nenos cos nenos. Un guía do Concello explicounos que a porta de Facenda era a porta da antiga muralla de Pontevedra. Na praza da Leña contounos que ata 1964 vendían leña. Entramos no Museo onde nos amosaron os cadros de Castelao. Seguimos pola Praza da Verdura , a do Teucro...

Logo xa viñemos xuntos no autobús para o noso cole que lles gustou moito; amosámoslles os libros que fixemos durante o curso e máis cousas . No comedor agardábanos unha sorpresa: os profesores tiñan preparada unha merendola, alí seguimos falando e saboreando a rica comida.

Despois saímos ao patio e estivemos xogando a diversos xogos: fútbol, escondite, pilla-pilla, baloncesto...

Cando tocou o timbre, subimos á biblioteca , onde os mestres contaron e proxectaron o conto de “Paco Papán” que nos gustou moito a todos.


O peor foi cando chegou a hora de despedirnos, porque non queriamos separarnos.

Pasámolo todos moi ben, os da Armenteira son moi divertidos.

!Foi unha gran experiencia!


INTERCAMBIO CON ARMENTEIRA

lunes, 30 de marzo de 2009

INTERCAMBIO CULTURAL CO CEIP DA ARMENTEIRA

Os Equipos de Normalización Lingüística destes dous colexios están establecendo un intercambio cultural entre o alumnado de 2º e 6º curso destes Centros co fin de coñecer o ambiente de dúas zonas diferentes de Pontevedra unha rural e a outra urbana.
Xa mantiveron correspondencia colectiva polo Nadal e no Antroido. Agora chegou o momento de coñecerse , o martes 31 recibimos a visita dos nosos amigos da Armenteira.

Programa de actividades

I – Coñecer a nosa cidade
As 10 horas o alumnado de 2º e 6º coas súas profesoras reciben aos invitados da Armenteira na praza da Ferrería para a continuación recorrer e coñecer todos xuntos o Centro Histórico de Pontevedra, seguindo o roteiro Castelao ofertado polo Concello incluíndo un guía turístico

Itinerario

1. A Praza da Ferrería
2.
Museo de Pontevedra
3.
A Fábrica da Luz
4.
Praza do Teucro
5.
Praza das Cinco Rúas
6.
Teatro Principal
7.
Monumento a Castelao
8.
O Instituto
9.
Café Moderno
10.
Rúa da Oliva
11.
Café Méndez Núñez
S. Saída do roterio
F. Fin do roteiro


II – Sobre as 11,30 . Chegada de todos ao CEIP San Martiño. En primeiro lugar serán recibidos polo Director, Diego Fariña Villaverde, e a continuación realizarán diversas actividades conxuntas:
- Amosarlle o noso Colexío
- Animación na biblioteca
- Merenda e xogos

III – As 13,30 . Despedida e agasallos.

miércoles, 25 de marzo de 2009

PLANETA ENDL

O ENDL do CPI Aurelio M. Rei García de Cuntis lanza un Planeta de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, chamado PLANETA ENDL.

O noso blogue de normalización, OÑITRAM, tamén forma parte desta nova web na cal podemos atopar ademais moitos outros blogues de interese e enlaces a diferentes sitios web relacionados co galego e a súa normalización.

Dende hoxe contamos cun enlace a Planetaki, para que poidades entrar cando desexedes e fagades consultas, comentarios... ou simplemente vexades as últimas noticias arredor do mundo do galego.

lunes, 23 de marzo de 2009

Premio "Abril, Mes dos Libros 2008"

Inda non vos comunicaramos que fomos premiados no concurso "ABRIL, MES DOS LIBROS" do ano 2008, convocado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia. O premio consiste nunha dotación de 1000 euros para libros e material didáctico.

O CEIP San Martiño séntese moi honrado e agradecido por acadar este galardón que premia o traballo feito cos libros, sobre todo no mes de abril, mes tan importante para a literatura por celebrárense dúas datas moi importantes: o Día Mundial do Libro e o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. No CEIP San Martiño celebrámolo todos os anos coa nosa Semana da Lectura, que o ano pasado dedicouse aos "oficios tradicionais" e este ano, na súa quinta edición, ímola dedicar á pintura.

O curso pasado foi marabilloso para o noso colexio porque acadamos diversos premios de distintas institucións:

O MEC premiounos no concurso de “Buenas Prácticas para la Dinamización e Innovación de las Bibliotecas Escolares”, concurso a nivel de todo o estado español.

Da Xunta de Galicia recibimos dous premios; a Consellaría de Educación premiou o noso Proxecto Lector, e ultimamente a Consellaría de Cultura o mencionado “Abril, Mes dos Libros”. Estes premios tan importantes animan a todo o profesorado deste Centro para seguir traballando nesta mesma liña; unidos, en equipo, e participando nos proxectos que cada curso realizan con todo o alumnado e, que sen dúbida merecen os máis grandes parabéns.

jueves, 26 de febrero de 2009

Declaracións de amor

Dentro do proxecto "Historias de amor", propuxemos aos alumnos de 5º e 6º de Primaria que escribiran unha declaración de amor, entendendo o concepto de amor nun sentido moi amplo, que incluiría o amor ás nais e pais, a unha parella, a un animal... ou incluso aos libros ou ao colexio.

Esta actividade tiña dous obxectivos fundamentais: dinamizar o uso da lingua galega e fomentar a utilización das novas tecnoloxías, dado que a canle empregada para enviar as declaracións foi o correo electrónico.

Premendo nos enlaces do primeiro parágrafo poderedes ler algunhas das declaracións. Animádevos, seguro que vos sentiredes identificados con algunha delas ou vos dan algunha idea namoradeira!

martes, 24 de febrero de 2009

Entroido Indio

A temática que abordamos este ano no entroido 2009 versou sobre a vida e a cultura dos indios americanos. Non só nos divertimos moitísimo, senón que ademais aprendemos unha chea de cousas acerca desta cultura milenaria tan interesante.

Ao longo da mañá o alumnado do centro, dividido en seis grupos, foron pasando cada media hora por diferentes "estacións":

- Composición dunha paisaxe india, na estación de plástica.
- Aprender como pintaban a cara, no obradoiro de maquillaxe.
- Elaboración do traxe indio, no taller de confección.
- Cancións e baile indios, na estación de música.
- Visionado dun documental sobre os indios, na Biblioteca.
- Tiro con arco, na estación de xogos ao aire libre.

No remate da mañá, todos os alumnos tiveron que someterse a unha proba de coñecementos e aptitudes para gañar o "Diploma Indio" e o "Carné de explorador apache".

A nosa satisfación foi saber que ningún alumn@ marchou sen o seu Diploma e sen o carné que os acreditaban como "auténticos apaches" e expertos coñecedores da cultura e dos costumes dos nativos americanos.

A continuación podedes ver un vídeo con imaxes das actividades realizadas, ou tamén fotos do entroido indio e da degustación gastronómica do venres, 27 de febreiro.


Entroido 09

miércoles, 4 de febrero de 2009

CAMBIAREMOS A GUERRA POLA PAZ...

Aínda que falar de PAZ nos tempos que corren nos resulte difícil, en San Martiño alumnos e profesores seguimos coa esperanza de que pequenos xestos e actos simbólicos, coma os que celebramos o día 30 de xaneiro, axúdannos a reflexionar e a prepararnos un pouco máis por dentro, para seguir nas nosas vidas o camiño da PAZ.
Este ano quixemos "cambiar a guerra pola PAZ..." e convertemos un campo de batalla, nun campo cheo de flores e de mariposas, dicindo moi alto e forte:

"Por cada bala, unha mariposa,
por cada bomba, unha flor.
Cambiemos o inverno pola primavera,
cambiemos a guerra, pola PAZ..."

A continuación cantamos cancións, lemos poemas... ata rematamos bailando.

Resultou un acto conxunto moi bonito, no que compartimos ilusións, esperanzas e no que, coma sempre, quixemos declararnos a favor da PAZ de forma incondicional.
Aquí achegamos estas imaxes para que poidades velo.


DÍA DA PAZ, 09