Blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística

CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra)

23 marzo 2009

Premio "Abril, Mes dos Libros 2008"

Inda non vos comunicaramos que fomos premiados no concurso "ABRIL, MES DOS LIBROS" do ano 2008, convocado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia. O premio consiste nunha dotación de 1000 euros para libros e material didáctico.

O CEIP San Martiño séntese moi honrado e agradecido por acadar este galardón que premia o traballo feito cos libros, sobre todo no mes de abril, mes tan importante para a literatura por celebrárense dúas datas moi importantes: o Día Mundial do Libro e o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. No CEIP San Martiño celebrámolo todos os anos coa nosa Semana da Lectura, que o ano pasado dedicouse aos "oficios tradicionais" e este ano, na súa quinta edición, ímola dedicar á pintura.

O curso pasado foi marabilloso para o noso colexio porque acadamos diversos premios de distintas institucións:

O MEC premiounos no concurso de “Buenas Prácticas para la Dinamización e Innovación de las Bibliotecas Escolares”, concurso a nivel de todo o estado español.

Da Xunta de Galicia recibimos dous premios; a Consellaría de Educación premiou o noso Proxecto Lector, e ultimamente a Consellaría de Cultura o mencionado “Abril, Mes dos Libros”. Estes premios tan importantes animan a todo o profesorado deste Centro para seguir traballando nesta mesma liña; unidos, en equipo, e participando nos proxectos que cada curso realizan con todo o alumnado e, que sen dúbida merecen os máis grandes parabéns.

Ningún comentario: