Blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística

CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra)

30 outubro 2009

O SAMAÍN

Este curso non podía ser doutra maneira: a pesar das obras,. de ter a Biblioteca pechada e doutros atrancos... celebramos por todo o alto a festa do Samaín.
Fixemos unha exposición de cabazas: cabazas tradicionais, cabazas modernas, cabazas faladoras, rokeras, noivas, piratas... e todo o que deu de si a imaxinación.
Tampouco faltou o conto, escenificado polos "profeactores", que non sabemos a razón, pero deron máis risa ca medo... e non porque o fixesen mal, senón porque o conto deste ano: "A figueira de Pelostortos" da Editorial OQO causounos moita risa a todos.
Tamén contamos coa actuación dos alumnos de 3º de Primaria, que nos leron unha poesía de medo, titulada "Noite de defuntos" feita por eles mesmos. Parabéns dende aquí á súa capacidade creativa. Aquí o podedes ler:

Noite de defuntos

Era unha noite escura,
fría, baleira, terrorífica...
zoaba o vento,
escoitábanse os tronos.
A bruxa piruxa
remexía a súa pota
e dicía o seu conxuro:
"Ás de morcego,
tea de araña
bigote de rato,
sangue de sapo."
Ao seu lado o zombi Marcelo
de pel verde,
ollos amarelos,
boca desdentada,
roupa esnaquizada,
pelexa co gato Ernesto.
Ábrese a porta,
chega o esquelete,
a pantasma e a momia.
Traen para a cea
ósos de can,
tripas de lagarto,
ollos de peixe,
pastel de vermes.
Séntanse á mesa,
comen sen cubertos.
Que lles aproveite!!!



14 outubro 2009

PROXECTO DE INNOVACIÓN EN NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocan, cada ano, uns premios que pretenden fomentar o desenvolvemento de proxectos educativos innovadores que impliquen o uso da lingua galega.

Este ano, o CEIP San Martiño, vai participar na convocatoria destes premios co proxecto “Facendo CLIC en galego”.
Os contidos a traballar xiran arredor do tema das CIDADES. Este proxecto estenderase dende outubro ata finais de febreiro. Neste tempo trataremos de que as actividades deseñadas contribúan á utilización do galego dentro e fóra das aulas e, ao mesmo tempo, que axuden á adquisición da competencia dixital do noso alumnado.
Para alcanzar estes fins estamos a elaborar uns materiais multimedia en galego, de uso na aula, como un recurso máis entre os materiais curriculares a empregar no noso labor docente.
SEGUIREMOS INFORMANDO...




07 outubro 2009

NOVAS TECNOLOXÍAS EN GALEGO!

Agora que vivimos momentos duros para a normalización da lingua, nos que a permanencia do galego nas vindeiras xeracións aínda está por ver, acabamos de enterarnos dunha noticia que nos parece moi significativa e alentadora para o futuro lingüístico no noso país: a próxima publicación por Xerais do primeiro libro electrónico en galego!

Pasámosvos o enlace, por se o queredes ollar: