Blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística

CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra)

viernes, 30 de octubre de 2009

O SAMAÍN

Este curso non podía ser doutra maneira: a pesar das obras,. de ter a Biblioteca pechada e doutros atrancos... celebramos por todo o alto a festa do Samaín.
Fixemos unha exposición de cabazas: cabazas tradicionais, cabazas modernas, cabazas faladoras, rokeras, noivas, piratas... e todo o que deu de si a imaxinación.
Tampouco faltou o conto, escenificado polos "profeactores", que non sabemos a razón, pero deron máis risa ca medo... e non porque o fixesen mal, senón porque o conto deste ano: "A figueira de Pelostortos" da Editorial OQO causounos moita risa a todos.
Tamén contamos coa actuación dos alumnos de 3º de Primaria, que nos leron unha poesía de medo, titulada "Noite de defuntos" feita por eles mesmos. Parabéns dende aquí á súa capacidade creativa. Aquí o podedes ler:

Noite de defuntos

Era unha noite escura,
fría, baleira, terrorífica...
zoaba o vento,
escoitábanse os tronos.
A bruxa piruxa
remexía a súa pota
e dicía o seu conxuro:
"Ás de morcego,
tea de araña
bigote de rato,
sangue de sapo."
Ao seu lado o zombi Marcelo
de pel verde,
ollos amarelos,
boca desdentada,
roupa esnaquizada,
pelexa co gato Ernesto.
Ábrese a porta,
chega o esquelete,
a pantasma e a momia.
Traen para a cea
ósos de can,
tripas de lagarto,
ollos de peixe,
pastel de vermes.
Séntanse á mesa,
comen sen cubertos.
Que lles aproveite!!!



No hay comentarios: