Blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística

CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra)

04 abril 2016

A DIAGONAL DOS TOLOS

    Santiago Lopo autor de " A diagonal dos Tolos", libro do mes de Abril no club de lectura" visitará o CEIP San Martiño, para comentar a súa última obra con nós, o 3 de Maio as 18:30h.



    * SANTIAGO  LOPO: (Vigo, 1974) é profesor de francés na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra. Iniciouse profesionalmente traducindo guións cinematográficos en inglés para televisión, e en 1998 cotraduciu ao galego, xunto a Xavier Queipo, dúas obras do escritor francés Hervé Guibert (Citomegalovirus e O meu criado e mais eu), publicadas por Xerais.
 Desde o ano 2000 colabora coa revista Unión Libre, onde publicou diversos artigos e traducións.
 En 2006 gañou o VI Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia, coa novela Game Over. Peaxes (Xerais 2009) é a súa segunda novela.. Con Hora zulú obtivo en 2012 o Premio Manuel García Barros de Novela, un dos máis prestixiosos galardóns das letras gallegas. A súa última obra, A diagonal dos tolos, consiguíu o Premio Repsol da Narrativa Breve en 2014.


* A DIAGONAL  DOS  TOLOS:  Na Illa da Reunión, no Océano Índico, celébrase unha carreira de supervivencia coñecida como “La Diagonale des Fous”. É neste pano de fondo onde Santiago Lopo sitúa esta proposta narrativa operando cunha estrutura dual onde Pierre deberá concluír a carreira en pouco máis de dous días obrigado por unhas disposicións testamentarias dun pai ultraconservador e racista; mais, ao  tempo, xorde outro personaxe, tirado talvez do universo onírico, ou do subconsciente de Pierre que responde ao nome de “P.”: un escravo grand marron “que sabe ler no ar” e que correrá á procura dunha liberdade case utópica. En ambos os dous verifícase unha fuxida de si mesmos, malia que “P.” loite pola supervivencia nun contexto onde a escravitude, personificada en malgaxes, cafres e malabrares, vaia retratarse con solvencia e coa precisa transparencia.

         Un peso importante na fervenza de lembranzas que se opera en Pierre ao longo desa carreira está ocupado polas de carácter persoal que axudan a reconstruír un mundo de pasado colonial, posto en evidencia nas zonas máis escura e tenebrosas, mais salienta igualmente a posta en valor tanto das lendas orais que constrúen unha identidade particular da illa como, por parte da voz narradora, dunha homenaxe explícita ao Alicia no país das marabillas de Lewis Caroll.

        Se algo máis se pode destacar desta novela é a estimable plasticidade que repousa no ámbito descritivo, tanto no que atinxe aos espazos visitados como á psicoloxía dos personaxes. No seu haber tamén saliento esa metáfora que percorre o libro: o extinguido e célebre paxaro dodo, unha perfecta e redonda imaxe simbólica.

Esta recensión, baixo o título de “Correr para sobrevivir e avanzar”, publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas”, de La Voz de Galicia, o 16 de xaneiro de 2015.


- TVG: No seguinte enlace, entrevista a Santiago Lopo sobre "A diagonal dos tolos".


Ningún comentario: