Blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística

CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra)

jueves, 20 de octubre de 2016

CLUB DE LECTURA : DIEGO AMEIXEIRAS

  Comezamos un novo curso no club de lectura.

  A nosa obra do mes é  " Tres Segundos de Memoria" de Diego Ameixeiras escrita cun estilo, fresco, directo e cargado de humor, gañadora do Premio Xerais 2006, fai un retrato dun sector urbano e moi damnificado da sociedade galega actual, onde a espontaneidade abrolla por enriba do politicamente correcto. Novela habitada por personaxes mozos, fracasados, maiormente cultos e con estudos pero desenganados e intencionadamente afastados dunha cultura que só os levou a engrosar as filas do paro e a prolongar traumaticamente unha adolescencia que xa non lles correspondía. Unha novela expresiva, escrita cun estilo fresco e directo e tremendamente cargada de humor.




DIEGO  AMEIXEIRAS  visitará o Ceip San Martiño  o próximo 8 de Novembro ás 18:30h na biblioteca do centro para comentar con nós  a súa obra e próximos proxectos.



Coñecemos máis sobre o autor:
Diego Ameixeiras Novelle, nado en Lausana o 5 de novembro de 1976, pero criado en Ourense, é un xornalista e escritor galego.


Traballou como guionista para varias series emitidas pola TVG (Terra de Miranda, Os Atlánticos, Matalobos) e como colaborador nos xornais Diario de Pontevedra e El Mundo. Foi coguionista das longametraxes 18 comidas (Jorge Coira, 2010), pola que recibiu un Premio Mestre Mateo ao mellor guión, e La mujer del Eternauta (Adán Aliaga, 2011).

Publicou dúas novelas de serie negra ambientadas en Ourense: Baixo mínimos (2004) e O cidadán do mes (2006), protagonizadas polo detective Horacio Dopico. O estilo destas dúas obras, parodia do hard-boiled enchido de dialectalismos correspondentes ás falas de Ourense, aproxímano á produción narrativa de Bieito Iglesias.

En 2006 gañou o Premio Xerais de Novela con Tres segundos de memoria, obra catalogada como "xeracional" pola crítica e cuxo argumento narra o día a día dun personaxe anónimo atrapado na precariedade económica e sentimental. Escrita con humor, a novela está chea de referencias literarias e musicais; así, por exemplo, nun dos seus capítulos o autor homenaxea o autor Nick Hornby de High Fidelity. En 2009 publicou a súa cuarta novela, Dime algo sucio, que foi, xunto con Sete palabras de Suso de Toro, o primeiro libro electrónico publicado pola editorial Xerais. Traducida ao castelán por Pulp Books, esta novela significou un cambio de rumbo na traxectoria do autor, centrado agora en problemas espiñentos como a pederastia. Dime algo sucio recibiu o Premio Especial do Director da Semana Negra de Xixón na súa edición de 2011, ex aequo con Las niñas perdidas, de Cristina Fallará.

En setembro de 2010 editouse a novela Asasinato no Consello Nacional, que se converteu nun éxito de vendas. En 2011 gañou o premio de novela por entregas de La Voz de Galicia con Historias de Oregón, publicado no xornal durante o mes de agosto.

Colaborou no monográfico A falacia da sustentabilidade, editado por Renderén.

Na actualidade escribe en La Voz de Galicia.

Obras:

Narrativa
Baixo mínimos (Xerais, 2004)
O cidadán do mes (Xerais, 2006)
Tres segundos de memoria (Xerais, 2006)
Dime algo sucio (Xerais, 2009)
Asasinato no Consello Nacional (Xerais, 2010)
Historias de Oregón (Xerais, 2011)
Todo OK (Xerais, 2012)
Matarte lentamente (Xerais, 2013)
Conduce rápido (Xerais, 2014)
A noite enriba (Xerais, 2015)

Teatro
Curriculum vitae (2012; xunto con Álex Sampayo, Borja F. Caamaño, Avelino González, Araceli Gonda, José Prieto e Manuel Cortés)
O aniversario (2015)
Get Back (2016)

Galardóns e nomeamentos
Premios Mestre Mateo: nomeado nos Premios Mestre Mateo 2010 na categoría de mellor guión por 18 comidas.
Premios María Casares: nomeado nos Premios María Casares 2013 na categoría de mellor texto orixinal por Curriculum vitae.
Premio Xerais en 2006, por Tres segundos de memoria.
Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro do Ano 2010 por Asasinato no Consello Nacional.
Premio de novela por entregas de La Voz de Galicia en 2011 por Historias de Oregón.
Premio do director da Semana Negra de Xixón de 2011 por Dime algo sucio.
Premio Losada Diéguez de creación literaria en 2015, por Conduce rápido.




No hay comentarios: