Blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística

CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra)

lunes, 23 de marzo de 2009

Premio "Abril, Mes dos Libros 2008"

Inda non vos comunicaramos que fomos premiados no concurso "ABRIL, MES DOS LIBROS" do ano 2008, convocado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia. O premio consiste nunha dotación de 1000 euros para libros e material didáctico.

O CEIP San Martiño séntese moi honrado e agradecido por acadar este galardón que premia o traballo feito cos libros, sobre todo no mes de abril, mes tan importante para a literatura por celebrárense dúas datas moi importantes: o Día Mundial do Libro e o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. No CEIP San Martiño celebrámolo todos os anos coa nosa Semana da Lectura, que o ano pasado dedicouse aos "oficios tradicionais" e este ano, na súa quinta edición, ímola dedicar á pintura.

O curso pasado foi marabilloso para o noso colexio porque acadamos diversos premios de distintas institucións:

O MEC premiounos no concurso de “Buenas Prácticas para la Dinamización e Innovación de las Bibliotecas Escolares”, concurso a nivel de todo o estado español.

Da Xunta de Galicia recibimos dous premios; a Consellaría de Educación premiou o noso Proxecto Lector, e ultimamente a Consellaría de Cultura o mencionado “Abril, Mes dos Libros”. Estes premios tan importantes animan a todo o profesorado deste Centro para seguir traballando nesta mesma liña; unidos, en equipo, e participando nos proxectos que cada curso realizan con todo o alumnado e, que sen dúbida merecen os máis grandes parabéns.

1 comentario:

romanlandin dijo...

Convocatoria aberta a todos os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística

Ola a todos/as

Somos un grupo de persoas que está a traballar en ENDL de diferentes centros de Ensino da zona de Santiago que nos xuntamos para falarmos de como podemos afrontar a nova situación canto á normalización da nosa lingua. Dado que as cousas van mudar, e parece que non para ben, consideramos que é necesario transmitirlle á sociedade e ao novo goberno o que pensamos ao respecto dos cambios anunciados. Por iso vos convocamos a unha reunión que se celebrará o vindeiro sábado 28 de marzo ás 16.30 da tarde no Instituto Galego de Información (IGI) (San Marcos, Estrada do Aeroporto, ao pasar o Hotel Apóstol Santiago). O obxectivo da reunión é o seguinte:

-Avaliarmos a posibilidade de facermos pública a nosa posición canto ao Decreto 124/2007, que se quere derrogar. Levaremos un texto base para consensuarmos antes de mandalo aos medios. Sería un texto de carácter técnico, como normalizadores que somos, e para nada incompatible con outros posicionamentos que poidan facer outras organizacións sociais e políticas que fagan algo ao respecto.

#blgtk08#-Pensarmos na posibilidade de crearmos unha Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística para actuar colectivamente a prol da nosa lingua tanto a nivel particular, nos nosos centros, como en xeral, na sociedade.

Por favor, comunicádelle esta convocatoria a todos cantos membros dos ENDL coñezades, e que polos motivos que foren non leron esta información. Agardamos contar coa vosa asistencia para entre todos poder traballar para conseguir obxectivos normalizadores.

Por favor, confirmade asistencia, se é posíbel, enviando un correo a miguel.louzao@gmail.com

Saúdos a todos/as

Miguel Louzao (IES Coroso-Ribeira)
Valentina Formoso (IES Félix Muriel- Rianxo)
Román Cerqueiro (CPI Aurelio-Cuntis)
Xesús Mosquera (CRA de Santa Comba)
Luís Aldegunde (CPI de Rois)
Sara Paz (CPI da Baña)
Pilar Buela (IES de Valga)
Ana Rial (IES Aquis Celenis de Caldas de Reis)
Gracia Sanctorum (IES Pintor Colmeiro-Silleda)
Sechu Sende (IES Marco do Camballón-Vila de Cruces)
Daniel Asorei (CPI de Touro)
Xoán Constenla (CPI de Portas)