Xulio Abonjo |
O día, 11 de novembro, día de San Martiño, bota os teus trompos aos camiños; festa aquí en Salcedo, que celebramos cunha visita moi interesante: O actor Xulio Abonjo irmán de Juan e Carlos Abonjo, alumnos deste centro.
Con el mantivemos un interesante encontro. O motivo da visita é que o alumnado de 5º e 6º foi ao Pazo da Cultura a ver a obra de teatro "Hendaya, mon amour", escrita e dirixida por Xulio Abonjo. Esta obra foi moi galardonada: Premio María Casares 2008, o premio á Mellor Maquillaxe; premio FETEGA no Festival Teatro do Carballiño á mellor montaxe e ao mellor actor...
Hendaya,mon amour é unha comedia romántica en clave de humor surrealista entre Franco e Hitler. O presenciar esta obra serviunos para que o alumnado de 5º e 6º estudara o perfil histórico destes dous ditadores que tanto influíron na nosa historia máis inmediata.
Xulio Abonjo é un actor pontevedrés aínda novo que xa ten unha dilatada carreira en diferentes medios. En teatro conta coa experiencia de traballar en varias compañias entre as que se contan Bacana e o Centro Dramático Galego. Tamén participou en moitas das series que se emitiron pola TVG; e no cine, en películas coma: O lapis do carpinteiro, entre outras.
Actualmente forma parte do elenco de "Cuestión de sexo", serie emitida por Cuatro. Ademais conta co premio ao mellor actor no festival de Cans pola curtametraxe "Sen chumbo".
Foi un verdadeiro pracer contar coa presenza e amabilidade de Xulio, que respondeu a todo un interrogatorio de preguntas, moitas sobre Hendaya, mon amour. Unha das preguntas foi se era unha obra para ver tamén os nenos e nenas, el contestounos que si, que moitos pais ían cos seus fillos e que lles gustaba.
En Pontevedra houbo algunhas protestas, pero iso é xente que coñece pouco o teatro e os gustos dos nenos da nosa idade. Nós dixémoslle que nos gustara moito e que xa era hora de que non visemos só obras de monicreques e que a entendiamos perfectamente e nos divertiu moito. Rematamos, regalándolle un libro que fixeron os de 6º sobre Xulio Abonjo e un conto viaxeiro feito no colexio: Os rabichos na fraga de Oñitram. E el asinounos un autógrafo a cada un.
Ningún comentario:
Publicar un comentario