Seus pais, Isidro Díaz e María Castro, labregos, tiveron catro fillos: Antonio, María, Xosé María e Serafín. Na escola da súa parroquia aprendeu as primeiras letras. Aos dezaseis anos estreouse cun poema en castelán na revista Lluvia de rosas de Tarragona, na que seguiría colaborando moi esporadicamente.
En 1929 ingresa no Seminario de Mondoñedo, onde cursa tres anos de Latín e Humanidades, outros tres de Filosofía e dous de Teoloxía. É alí onde confirma a súa vocación de escritor, segundo el mesmo manifestou. "Lémbrome ben de que, na miña época de estadía en Mondoñedo, dirixín unha revista absolutamente manuscrita, feita por estudantes". O poeta falaba tamén de que compuxo, nesa época, dous cadernos: Follas verdes e Follas ao vento. En 1931 publicou, en El Progreso Vilalbés, o primeiro texto en galego, Lembranzas e sospiros. Posteriormente, en carta a Fernández del Riego (14 de maio de 1959) dirá que “casi todo se ha perdido”, en referencia á súa obra anterior.
Cursa estudos de Filosofía e Letras e trasládase a Madrid, 1948. O seu dominio dunha boa parte das linguas europeas permítelle entrar a traballar como tradutor no Ministerio del Interior e, logo, no Instituto de Estudios Hispánicos. Nos anos sesenta, trasládase ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas, encargándose do servizo de traducións do Instituto Científico y Técnico Juan de la Cierva, concretamente no Centro Experimental del Frío, onde acadará a súa xubilación.
Dende Madrid colaborou coa revista Alba, dirixida, en Vigo, por Ramón González Alegre. En 1955 aparecen, no tomo IV da Escolma de Fernández del Riego, poemas seus en galego que recollerá en Nimbos. En 1961, o 5 de xullo, sae do prelo da editorial Galaxia Nimbos, a súa obra cimeira. O libro foi saudado e loado por Ricardo Carballo Calero, Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro e outras voces autorizadas.
Díaz Castro retornou a Galicia en 1982, vivindo en Guitiriz co seu irmán Serafín e frecuentando a amizade de Alfonso Blanco Torrado, autor de Ascensión dun poeta (1955), ensaio merecente do IX Premio Ánxel Fole. Nesta etapa da súa vida, o poeta coñeceu e tratou algúns escritores galegos e colaborou con Dorna, publicando poemas e traducións en varios números da revista. Segundo el mesmo manifestou, en repetidas ocasións, a súa acollida por parte de Dorna, serviulle de “estímulo para retomar o hábito, para volver á poesía”. Por iniciativa dos seus amigos Luís González Tosar, coordinador daquela de Dorna, e Alfonso Blanco Torrado, a Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz, en novembro de 1987, dedicoulle o volume Homenaxe a X. M. Díaz Castro. Cómpre destacar, así mesmo, que o d’Os Vilares foi importante tradutor, ao galego e ao castelán, de autores como Lamartine, Chesterton, Yeats, Whitman, Rilke... e que se ocupou tamén da crítica e do ensaio en revistas e xornais especializados como La Estafeta Literaria e Ínsula.
Ningún comentario:
Publicar un comentario