EDUARDO BLANCO AMOR: nado en Ourense o 14 de setembro de 1897 e finado en Vigo o 1 de decembro de 1979, foi un escritor e xornalista galego. En 1993 foille adicado o Día das Letras Galegas.lanco Amor, cuxo pai abandonou o fogar cando só tiña tres anos, foi un neno enfermizo que non recibiu unha educación formal, pero que aprendeu pola súa conta lendo xornais. En 1915, á idade de dezasete anos, comezou a traballar como secretario de dirección en El Diario de Orense. Durante esta época frecuentou os faladoiros de Vicente Risco, de quen tamén foi alumno na Escola Normal, figura que tivo unha importancia decisiva na súa futura defensa e promoción da cultura galega.
En 1919 emigrou a Buenos Aires, onde continuou en contacto con intelectuais galegos da emigración, tomando parte activa na Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, fundada en 1921, que pretendía aglutinar tódolos inmigrantes galegos e da que chegaría a ser director do seu órgano El Despertar Gallego. No 1924 coñece a Ramón Suárez Picallo, que había ser o seu gran amigo. En 1923 fundou con Ramiro Isla Couto a revista Terra, en lingua galega. Máis adiante participou tamén noutra publicación galeguista chamada Céltiga, da que tamén será director. En 1926 entrou a formar parte do diario arxentino La Nación, onde coñeceu escritores arxentinos como Leopoldo Lugones, Horacio Quiroga, Borges, Sábato e Mallea. Tamén colaborou con publicacións como Correo de Galicia e a Revista de la Casa de Galicia.
En 1927 publicou a súa primeira obra, Os Nonnatos. Ao ano seguinte seguiuna o libro de poemas Romances gallegos, encadrado dentro dunha estética modernista cunha forte influencia dos romances casteláns e de Luís Amado Carballo.
En 1928 retornou durante un ano a Galiza como correspondente do diario La Nación. Durante este primeiro regreso coñeceu a Castelao e a varios intelectuais do Partido Galeguista e do grupo Nós, e escribiu Poema en catro tempos, que publicaría posteriormente na Arxentina en 1931. Dende Buenos Aires colaborou máis tarde coa revista Nós con varios poemas e tres capítulos da súa novela inconclusa A escaleira de Jacob.
Volveu a instalarse en España como correspondente de La Nación entre 1933 e 1935, e coñeceu en Madrid a Federico García Lorca, con quen tivo unha grande amizade e a quen acompañou á casa familiar de Fuente Vaqueros en varias ocasións. É salientable o feito de que Blanco Amor foi o responsable de convencer a Lorca para que publicase os Seis poemas galegos (1935).
Defendeu dende Arxentina a legalidade republicana cando se produciu o estalido da guerra civil española. Durante os 20 anos seguintes utilizou unicamente o castelán na súa obra literaria, con obras como Los miedos (1936) ou La catedral y el niño (1948). En 1956 volveu ao galego con Cancioneiro, e en 1959 publicou unha novela de extraordinaria importancia para a renovación da narrativa galega: A esmorga. Esta obra desenvólvese en Auria e marca un fito na ruptura das tendencias costumistas e populares da literatura galega, debido á súa técnica innovadora: o único que se pode ler son as contestacións dun reo nun xuízo, que conta as aventuras que o levaron á condena é o modo de, sen facer un texto bilingüe, darlle verosimilitude a un diálogo entre un xuíz, que fala castelán, e un reo que fala galego. Amais de deberse ao afán de verosimilitude , o silencio do xuíz representa a xordeira da xustiza , o seu papel represor e castigador. A novela, ambientada nos baixos fondos ourensáns, céntrase en tres personaxes transgresores e marxinais que van sendo levados a un final tráxico.
En Buenos Aires fundou e dirixiu o Teatro Popular Galego, que puxo en escena obras de Lugrís Freire, do propio Blanco Amor e doutros autores. Tamén foi director da revista Galicia, publicada pola Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales.
Retornou a Galicia o 16 de xaneiro de 1965, e publicou outra obra que tivo gran repercusión, o libro de relatos Os biosbardos (1962), relatos en primeira persoa con protagonista e narrador infantil distinto en cada conto. A súa última etapa foi moi fecunda, a pesar de ser postergado pola cultura oficial: en 1970 alumeou unha nova edición d' A esmorga, e en 1972 apareceu a extensa novela Xente ao lonxe, onde a través dos avatares que lle ocorren a unha familia de clase obreira, retrata a sociedade urbana, moi estratificada, do Ourense de principios de século. Nos seus últimos anos prestou unha grande atención ao xénero teatral, con obras como Farsas para Títeres (1973) e Teatro prá xente (1975).
Amais da literatura, practicou a fotografía de xeito afeccionado, cunha cámara Voigtländer. As súas imaxes, máis de 3.000, permanecen sen clasificar no arquivo da biblioteca da Deputación de Ourense. En 2004 Editorial Galaxia publicou o libro A ollada do desexo. Obra fotográfica 1933-1973, unha escolma representativa con edición e limiar de Carlos Lema e cun epílogo de Margarita Ledo. Inclúe autorretratos, imaxes de viaxes por lugares como Marrocos, París ou Nápoles, e fotografías de persoeiros como García Lorca, Castelao, Otero Pedrayo, Luís Seoane ou Indalecio Prieto.
Finou en Vigo, dunha trombose, o 1 de decembro de 1979, no taxi que o levaba cara o hospital.[1] Foi soterrado na cidade que o viu nacer no cemiterio de San Francisco.
Moitas das súas obras narrativas (A Esmorga, Xente ao lonxe, Os biosbardos) desenvólvense nunha cidade ficticia, Auria, transposición literaria do seu Ourense natal. Os críticos literarios encontraron nas súas ficcións ecos de autores como Valle-Inclán ou Eça de Queirós.
Ningún comentario:
Publicar un comentario