Blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística

CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra)

14 decembro 2014

ÁLVARO CUNQUEIRO

  Club  de  lectura  o 13 de xaneiro os membros do club de lectura debatirán sobre a Antoloxía de Álvaro Cunqueiro, as 18:30h, na biblioteca do centro.


ÁLVARO  CUNQUEIRO: nado en Mondoñedo o 22 de decembro de 1911 e finado en Vigo o 28 de febreiro de 1981, foi un novelista, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo, considerado un dos grandes autores da literatura galega. En 1991 foille dedicado o Día das Letras Galegas.
  Foi membro de primeira hora do Partido Galeguista. A sublevación dos militares sorprendeu a Cunqueiro en Mondoñedo, e por influencia da súa familia, moi conservadora, non foi obxecto de represalias e conseguiu praza de profesor nunha escola privada en Ortigueira, á que chegou en outubro de 1936. Colaborou na publicación local falanxista Era Azul, militou na Falanxe Española durante a Guerra Civil tendo o cargo de xefe de Prensa e Propaganda comarcal. Jesús Suevos, o xefe territorial da Falanxe en Galicia e director de El Pueblo Gallego pediulle en 1937 que entrase na redacción do xornal como encargado da parte literaria e colaborador de asuntos actuais; Álvaro aceptou e marchou para Vigo. Durante a súa estadía en Vigo tamén ensinou, durante un curto período de tempo, portugués no instituto da cidade. Foi un escritor polifacético e a súa extensa obra literaria abrangue os eidos xornalístico, poético, narrativo e teatral, sen esquecer os seus traballos de tradución. Na liña vangardista, iniciou o neotrobadorismo cos poemarios Mar ao norde (1932) e Poemas do si e do non (1933); Cantiga nova que se chama Riveira (1933) escribiuna baixo o influxo do trobadorismo da lírica galego-portuguesa medieval.

 Nos anos 40 e 50 comezou a dedicarse principalmente á narrativa, publicando tres novelas relevantes: Merlín e familia e outras historias, As crónicas do sochantre e Se o vello Sinbad volvese ás illas.... Así mesmo, publicou tres libros de relatos: Xente de aquí e de acolá, Escola de menciñeiros e Os outros feirantes. Deste último fíxose unha serie de seis historias adaptadas á pantalla con actores galegos e españois de prestixio.

Recibiu o Premio da Crítica española en 1959 por Las crónicas del sochantre, que en realidade foi unha tradución d´As crónicas do sochantre, que escribira primeiro. Así mesmo, foille concedido o Premio Nadal en 1968 por Un hombre que se parecía a Orestes, e o premio Frol da Auga en 1979 por Herba de aquí e acolá. Tamén, como xornalista, recibiu o Premio Conde de Godó. En 1981 foi nomeado membro de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega.


DOCUMENTAL: IMPRENSCINDIBLES- ÁLVARO CUNQUEIRO

Ningún comentario: