Blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística

CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra)
Amosando publicacións coa etiqueta Armenteira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Armenteira. Amosar todas as publicacións

22 decembro 2010

INTERCAMBIANDO FELICITACIÓNS COA ARMENTEIRA

Nestas datas de Nadal os alumnos de 2º, 4º e 6º de Primaria quixeron felicitarlles as festas aos seus amigos do CEIP Armenteira dun xeito diferente.

En cada curso prepararon unhas cartas moi especiais que lles mandaron cuns formatos navideños que queremos que vexades.

Pinchade en cada un dos debuxos para poder velas.


---Alumnos de 2º------------Alumnos de 4º-------------Alumnos de 6º

18 xuño 2010

AGORA TOCOUNOS A NÓS IR Á ARMENTEIRA


O día 14 de xuño o alumnado dos cursos de 1º, 3ºe 5ºde Primaria do CEIP San Martiño, visitamos o colexio da Armenteira, con motivo do intercambio cultural que estamos tendo estes dous Centros de medios naturais tan diferentes: rural a Armenteira e urbano San Martiño.
Cando chegamos, os da Armenteira esperáronnos agachados para darnos unha sorpresa e recibíronnos moi ben.
Moi pronto marchamos a facer a Ruta da Pedra e da Auga, foi unha longa camiñada pola beira dun río con moitas rochas que, a veces, facían pequenas fervenzas, estaba rodeado de moita vexetación, tamén había moitos muíños. As profesoras da Armenteira facían de guías e axudábannos a pasar polos lugares máis difíciles. Algúns de quinto tamén lle axudamos aos de primeiro. Cansámonos un pouco pero mereceu a pena, ao remate da ruta, está a Aldea Labrega, que ten varias estatuas de pedra, foi onde merendamos. Un pouco máis adiante, había un parque con bambáns onde xogamos e rimos moito. Alí as mestras da Armenteira repartiron “chocolatinas” e zumes para todos. Que ricas que estaban! Logo o autobús levounos de volta a Armenteira para ver o colexio por dentro, que é moi bonito e teñen as paredes cubertas duns murais preciosos, por último xogamos un pouco no patio e xa nos foi hora de volver para o noso colexio en Salcedo.
Foi unha experiencia xenial.
Mirade as fotos que fixemos.

22 maio 2010

INTERCAMBIO CO CEIP DA ARMENTEIRA
O venres, 21 recibimos no centro aos alumn@s e profesoras do CEIP Armenteira co motivo do Programa de Intercambio cultural que se leva organizando dende o curso pasado por parte dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos dous centros.
Para tal evento preparamos un programa de actividades encamiñadas a que ambas comunidades educativas puidesen coñecerse mellor e compartir experiencias xuntas.
En primeiro lugar, o noso alumnado quixo ofrecerlles un recibimento especial, presentando un pequeno número de maxia, co que aprenderan estes día pasados nos Obradoiros. A continuación disfrutaron de xogos para a convivencia no patio do centro e máis tarde presenciaron todos xuntos a actuación do Mago da Boina e Granpedrini que pecharon a semana dos "Obradoiros de Maxia", que se organizaran no centro.
Finalmente e como despedida, houbo unha pequena "grande merendola" de fraternidade entre os dous centros.
Para dar remate a este intercambio, o CEIP San Martiño ten pensado visitar ao CEIP Armenteira o próximo 11 de xuño.
Aquí quedan estas imaxes para o recordo de tod@s.

21 decembro 2009

BO NADAL AOS NOS@S AMIG@S DE ARMENTEIRA

Os nenos e nenas de 1º, 3º e 5º do Colexio de San Martiño, deséxanvos a todos os do cole de Armenteira unhas Felices Festas de Nadal e un boísimo 2010, no que esperamos estar con vós.


¡Bo Nadal e bicos dende San Martiño!

16 xuño 2009

INTERCAMBIO COA ARMENTEIRA

O día 29 de maio fomos visitar aos nosos amigos do colexio da Armenteira. Ese día estabamos bastante nerviosos porque iamos de invitados a un colexio que non era o noso. O camiño non é moi longo, mais xa estabamos impacientes por chegar. En canto avistamos o val onde está o colexio pareceunos unha paisaxe marabillosa.
Nada máis chegar, recibíronnos calorosamente con abrazos, bicos e saúdos, aínda que ao principio nos gastaron unha broma escondéndose todos no ximnasio. O primeiro foi amosarnos o seu colexio que o teñen moi ben decorado, cuns preciosos murais de cores moi vistosas. Mentres iamos charlando animadamente polo camiño, fomos andando ata o Mosteiro da Armenteira. Ao chegar recibiunos unha monxa que nos mandou pasar á capela dos rezos, alí nos explicou a lenda de San Ero e máis cousas do mosteiro. Despois vimos o claustro e a igrexa co grande rosetón e para rematar a visita ao mosteiro, quitamos unha foto todos xuntos na grande arcada románica da porta.
Volvemos outra vez para ao colexio para ver unha presentación dos traballos que fixeran durante o curso. Agora xa, nos tiñan preparada unha rica merendola, que tomamos con moi bo apetito. E por último xogamos moito: ao fútbol, cos aros, ao futbolín... Falamos e rimos moito.
Gustounos esta actividade de intercambio na que aprendemos moitas cousas: escribímonos cartas, coñecemos monumentos e lugares ... pero o máis importante foi compartir e facer amigos dun lugar diferente, do precioso Val da Armenteira.
Moitas grazas aos Equipos de Normalización Lingüística dos colexios da Armenteira e San Martiño por organizar esta interesante actividade.

¡¡¡VIVA A LINGUA GALEGA !!!

Agora vede as bonitas fotos da visita.

03 abril 2009

A VISITA DO CEIP ARMENTEIRA FOI XENIAL

Despedimos o mes de marzo co encontro cos nosos amigos da Armenteira , a visita realizouse de acordo co programa que tiñamos previsto. Aí van un feixe de fotos e opinións:

Encontrámonos na praza da Ferrería, alí foi onde nos coñecemos, nada máis presentarnos, xa empezamos a falar, ó principio tiñamos algo de vergoña pero, despois xa collemos confianza e xa falabamos como amigos de toda a vida.

Recorremos o Centro Histórico da cidade. Fixemos o Roteiro Castelao e mentres camiñabamos nos fomos coñecendo, coma sempre, as nenas foron coas nenas e os nenos cos nenos. Un guía do Concello explicounos que a porta de Facenda era a porta da antiga muralla de Pontevedra. Na praza da Leña contounos que ata 1964 vendían leña. Entramos no Museo onde nos amosaron os cadros de Castelao. Seguimos pola Praza da Verdura , a do Teucro...

Logo xa viñemos xuntos no autobús para o noso cole que lles gustou moito; amosámoslles os libros que fixemos durante o curso e máis cousas . No comedor agardábanos unha sorpresa: os profesores tiñan preparada unha merendola, alí seguimos falando e saboreando a rica comida.

Despois saímos ao patio e estivemos xogando a diversos xogos: fútbol, escondite, pilla-pilla, baloncesto...

Cando tocou o timbre, subimos á biblioteca , onde os mestres contaron e proxectaron o conto de “Paco Papán” que nos gustou moito a todos.


O peor foi cando chegou a hora de despedirnos, porque non queriamos separarnos.

Pasámolo todos moi ben, os da Armenteira son moi divertidos.

!Foi unha gran experiencia!


INTERCAMBIO CON ARMENTEIRA

28 decembro 2008

Intercambio co CEIP da Armenteira

Este curso iniciouse un intercambio cultural co CEIP da Armenteira, centro rural e de contexto galegofalante, características que nos serven para potenciar no noso contorno escolar o emprego do galego. Programáronse diversas actividades que abordan diferentes aspectos, tales como o coñecemento do entorno histórico (visita ao Mosteiro de Armenteira, visita ao recinto histórico de Pontevedra...), convivencias en cada un dos colexios, intercambio de materiais didácticos e correspondencia convencional e por correo electrónico...

Neste tempo de Nadal, @s alumn@s de 2º e 6º de Primaria remitíronlles aos seus compañeir@s da Armenteira cadanseu libro cos mellores desexos para estas datas tan sinaladas. Se queredes ver como quedaron os libros so tedes que premer nos seguintes enlaces: