Hoxe, venres 4 de maio, visitáronnos dous monitores da Asociación Cultural Ecobateas para presentarnos o tradicional xogo da billarda. Esta actividade encádrase dentro da programación do “Maio, mes da lingua”, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra.
A billarda ou estornela é un xogo popular, recuperado e posto en valor nos últimos anos. As regras deste xogo son zonais, polo que é difícil atopar varias zonas que xoguen coas mesmas regras.
Para xogar necesítase: un pequeno pau (duns 20 cm.) lixeiramente afiado nos extremos chamado billarda, e outro pau de maior tamaño e grosor (ao redor de 50 cm.) chamado palán.
O xogo consiste en golpear co palán nunha das puntas da billarda (que está colocada no chan), de xeito que se fai saltar a billarda, e, xa no aire, dáselle un segundo golpe que a despide a maior distancia. Gaña o xogador que consigue chegar coa billarda ata o varal (especie de portería) antes que os seus contrincantes.
Na seguinte reportaxe fotográfica podedes ver como os alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria pasárono en grande con este xogo tradicional, que volverán a practicar nun encontro que se celebrará a finais deste mes de maio, xunto con rapaces e rapazas doutros centros do concello de Pontevedra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario